A Cabeza Grande
A Cabeza Grande ou Cabeza de Manzaneda é unha montaña de 1780 metros de altitude, que domina a Serra de Queixa e que se divisa dende case tódolos puntos das Terras do Bolo.
Se queres coñece-las montañas do Macizo Central Galego e investiga-la súa fauna e a súa flora tan características, sube ata a Cabeza Grande e desfruta dun paseo saudable e relaxante.
A única estación de montaña de Galicia
Ademáis, na Cabeza Grande vas atopar a única estación de montaña de Galicia, onde podes practica-lo esquí nos meses de inverno. Con 22 quilómetros de pistas, a Estación de Montaña Manzaneda é un lugar perfecto para esquiar cando abonda a neve.
Para os meses de verán a estación ofrecerache outras alternativas de turismo de montaña e un extenso bike park. Ademáis, atoparás tódolos servizos necesarios para a túa estancia, así coma uns aloxamentos de calidade e todo tipo de instalacións, coma un circuito termal.
O campamento romano máis antigo de Galicia
Se es aficionado á Historia, outro punto interesante para visita-la Cabeza Grande pode se-lo achado recente do campamento romano de Penedo dos Lobos, datado entre o 25 e o 22 a. C.
Segundo os investigadores, este xacemento arquelóxico situado moi preto da Estación de Montaña de Manzaneda, atópase nun estado de conservación excepcional, polo que poderás ver case toda a muralla orixinal do campamento, construida en pedra, algo que é ademáis pouco habitual.
Ten unha extensión de 2,34 ha e podía chegar a dar acubillo a máis de mil soldados como campamento estacional durante a romanización da península.
Non esquezas que a Cabeza Grande é unha montaña de case dous mil metros de altitude e que acceder a ela ten os seus riscos. Ven sempre con roupa e equipamento axeitados e afástate do camiño soamente se te-los coñecementos suficientes e o tempo acompaña.
Ficha técnica
Serra | Queixa |
Concello | Manzaneda (Ourense) |
Altitude | 1.781 m |
Acceso | Pola estrada local de Paradela dende Manzaneda ou pola OUR-CV-652 dende a Pobra de Trives. |
Coordenadas | 42° 16′ 25″ N - 7° 17′ 32″ O |