A Virxe das Ermitas
Virxe bonita, caritativa a milagreira, a Virxe das Ermitas é a Señora por excelencia destas agrestes paraxes das montañas orientais de Galicia.
O Canón do Bibei foi terra de anacoretas, poboadores das súas ribeiras dende tempos remotos e que nos legaron a fermosísima Imaxe da Virxe das Ermitas.
Non hai fermosura que se iguale á da Nosa Señora das Ermitas, nin devoción semellante á dos seus fieis, ermitaños e santeiros.
O descubrimento da Virxe das Ermitas
Conta a tradición que a Imaxe da Virxe foi atopada nunha cova por uns pastores, ós que alertou o xeito estraño dos bramidos do gando ó pasar por un determinado lugar.
Nada se sabe da data en que se lle apareceu a Imaxe a estas xentes, pero ben poido ser en época medieval ou mesmo nos primeiros séculos da Igrexa.
No lugar do descubrimento da Imaxe erixiron unha sinxela capela para custodiar á Virxe, que dende entón todos coñeceron como a Virxe das Ermitas, en referencia á vida eremítica que dende tempo inmemorial se desenvolvera nestas terras.
Esta capela foi reconstruída a finais do s. XVII, durante a construción do Santuario, pero dela nada se conserva, pois desapareceu definitivamente a mediados do s. XIX.
A talla da Virxe das Ermitas
Dende un prisma puramente científico, obsérvase que, baixo os engados modernos, a Virxe das Ermitas é unha imaxe medieval dos séculos XIII ou XIV, de madeira policromada, sedente, con 58 centímetros de altura, á que se lle quitaron as mans e máis o Neno orixinais no momento de convertela en imaxe de vestir.
Sobre o núcleo orixinal, nun lamentable estado de conservación, pégaselle unha mascarilla con rostrillo de pedrería. Vestida, coas mans postizas e o Neno, tamén postizo, a imaxe mide 102 centímetros de alto, co que é máis doado vela dende a nave. Dende comezos do século XVIII engádeselle tamén cabelo postizo.
O conxunto complétase con diversos adornos de prata, como a coroa e sobrecoroa de raios e centellas; a aureola ou o arco de raios solares e os anxelotes que leva ós lados.
Odas á Virxe das Ermitas
Son moitos os versos que ten inspirado esta fermosa Señora. De entre todos eles destacan os que lle dedicou o grande poeta bolés Xosé de Valbuxán, que plasmou toda a súa historia nun longo poema publicado en 1984. Comeza con estas dúas estrofas:
VIRXE DAS ERMITAS, nosa Virxe,
que á beira do Bibei case escondida
túa moradía tes entre penedos
inxentes e indondos socalcos con viñas.
VIRXE DAS ERMITAS, nosa Virxe,
da Terra nosa a patroa e raíña
no máis prodixioso, incrible e primeiro,
Santuario mariano de Galicia.