A construción do Santuario de As Ermitas
As orixes do Santuario das Ermitas
A tradición conta que foi do Bispo de Astorga Alonso Messía de Tovar do que nace a iniciativa de construí-lo Santuario de As Ermitas, tras unha curación milagrosa atribuída á intercesión da Virxe.
O certo é que daquela xa existía no val das Ermitas, en Terras do Bolo, unha pequena capela na que se veneraba unha Imaxe da Virxe. Non coñecémo-la data da súa construción, pero probablemente tivera orixe medieval.
A Imaxe da Virxe das Ermitas danos algunhas pistas, pois, aínda que non nos permite data-la súa orixe de forma precisa, amosa, baixo o manto e demais adornos postizos, unha talla moi mutilada dunha efixie sedente en madeira policromada, que pola súa tipoloxía podería ser dos séculos XIII ou XIV.
As primeiras construcións no Santuario das Ermitas
O ano 1624 marca a data clave de inicio da construción do Santuario de As Ermitas, trala milagre atribuída á Virxe polo Bispo Messía de Tovar, un convencido contrarreformista que, imbuído do clima xerado polo Concilio de Trento, concibe alí a construción dun grande templo.
O impulso no que se traduce o patrocinio dos Bispos de Astorga, converte un modesto santuario mariano, dos moitos que había naquel tempo, nun centro relixioso de primeiro orde, cunha grande influencia en toda Galicia e territorios limítrofes.
Outra data fundamental no desenvolvemento do Santuario de As Ermitas é o ano 1655, cando Fray Nicolás de Madrid é nomeado Bispo de Astorga e asume de xeito case persoal a dirección das obras do Santuario, xunto co arquitecto montañés Francisco de la Lastra.
O avances máis significativos desta primeira etapa baixo o padroado da Mitra Asturicense son a construción da nave principal da Igrexa, o inicio das obras na Casa de Administración e a ampliación e mellora dun mesón, que hoxe poderás ver en estado ruinoso se chegas ó Santuario de As Ermitas subindo a costa dende o aparcadoiro a carón do río Bibei.
Ampliación e expansión do Santuario de As Ermitas
Pero é a partires de 1711 cando o Santuario das Ermitas comeza a súa grande transformación, que o deixa practicamente co aspecto que o coñecemos hoxe.
Nese ano é nomeado Administrador Domingo Xosé Rodríguez Blanco, un sacerdote nado en Mormentelos, unha aldea próxima ó Santuario. Este home culto, tenaz, de pensamento claro e certeiro, accede ó cargo co propósito de levar o Santuario de As Ermitas ó seu máximo esplendor e a súa obra fala por si mesma.
Entre 1711 e 1730 remata a fachada principal da Igrexa, construíndo por completo a segunda torre e rematando a que xa existía. Abre unha balconada entre ambas, á que se accede dende a Casa de Administración a través dun arco sobre as escaleiras que suben do Adro. Engade á fachada unha suntuosa rúa central, que realza o conxunto coas súas grandes columnas, dominadas pola Imaxe da Virxe e os escudos de armas.
No interior, coloca pedra de cantería na media laranxa do cruceiro, reforma o Camarín da Virxe, facilitando o acceso a tódolos devotos e amplía a Sacritía e o Coro. Encarga as pinturas da nave maior a Francisco Couselo de Villar que as pinta entre 1728 e 1730.
Neses primeiros anos remata a fontes de A Dormiñona e Rebuxín, unha en cada un dos camiños polos que os peregrinos chegaban ó Santuario.
Dende 1723 amplía o adro da Igrexa, erguendo un grande muro de contención sobre o que se asenta unha cuberta con sete fiestras en arco que miran ó Bibei.
Pero a obra que define a Administración de Domingo Xosé Rodríguez Blanco é o excelso Via Crucis barroco que se constrúe nas Ermitas dende 1731, inspirándose no que xa existía dende había algúns anos no Bom Xesús do Monte de Braga.
O Calvario que o visionario Administrador de Mormentelos proxectara para As Ermitas era certamente más ambicioso que o que finalmente se executou. A pesares diso e de que nunca chegou a ver rematada a súa obra mestra, cando morre en 1747, o Santuario sufrira unha excepcional transformación, ata converterse nun dos centros de peregrinación máis importantes do noroeste peninsular.
A conservación do Santuario das Ermitas
Na segunda metade do século XVIII o conxunto monumental do Santuario de As Ermitas estaba practicamente rematado, co que os traballos se centran no engrandecemento interior do templo.
Sen embargo, a caída do Antigo Réxime, que afectou con carácter xeral a tódalas institucións eclesiásticas, provoca que, nos sucesivos procesos desamortizadores, o Santuario das Ermitas perda unha grande parte das súas rendas.
Pese a que os santeiros redobraron os seus esforzos por captar esmolas para a Virxe das Ermitas, as dificultades económicas conducen a un novo paradigma, centrado en coida-lo que xa se fixera.
Por outra banda, a conversión dunha parte do Santuario de As Ermitas en institución de ensino dende mediados do século XIX, require de novas infraestruturas, que se constrúen non sen dificultades e co emprego de materiais de peor calidade.
Un rexurdimento das peregrinacións asociado á mellora dos transportes e sobre todo a obtención do Seminario Menor Diocesano de As Ermitas en tempos de Felipe Álvarez, deron novo pulo a un Santuario que xa vivira tempos mellores.
Sen embargo, esta decadencia acentúase nos nosos días e durante os últimos anos veñen evidenciándose importantes deficiencias estruturais que poñen en serio perigo a existencia mesma do Santuario.
Pese á execución de certas obras de mellora no val das Ermitas, a dubidosa utilidade dalgunhas delas e a falta dun plan integral de recuperación, manteñen latente unha grave ameaza que xa hai demasiados anos que existe sobre este marabilloso lugar.