O Desprendemento
O 22 de decembro de 1909 unha parte da montaña na que se asenta o Santuario de As Ermitas derrubouse violentamente, levando por diante a vida de decenas de persoas.
Este desprendemento ocorreu tras meses de choivas intensas que foron filtrando auga nas terras da ladeira da montaña, por aquel entón aradas na súa meirande parte.
A corrente de auga subterránea desprendeuse montaña abaixo, arrastrando terra e pedras e levando consigo casas enteiras, que se desfixeron ó chegar ó río.
Entre as construcións que arrasou, estaba a quinta estación do Calvario, que hoxe segue baleira, pois a talla barroca do seu interior non se poido recuperar xamais.
O Bibei quedou cortado durante varios días ante a avalancha de escombros, formando unha presa que cando rebentou, levou por diante a ponte antiga das Ermitas, do s. XVII. A ponte actual constrúese en 1924.
Non existe un reconto exacto do número de falecidos nin o de casas que levou o desprendemento, pero sábese foron en torno a vintesete casas e máis de trinta as persoas desaparecidas por mor da catástrofe.
O suceso, que tivo unha importante repercusión nos medios da época, mobilizou ó exercito nas labores de desescombro. Tódolos fondos foron destinados á reconstrución, o que motivou tamén a paralización das obras da Igrexa da Resurrección, que máis dun século despois segue en estado de abandono.
Pouco a pouco, As Ermitas foi recuperando a normalidade, pero o Desprendemento e as súas terribles consecuencias quedaron para sempre na memoria das súas xentes.