A Ponte Bibei
A ponte romana mellor conservada de Galicia está moi preto do Santuario das Ermitas, so uns cantos quilómetros río abaixo. É a Ponte Bibei, unha construción do tempo do emperador romano Traxano (114-119 d.C.) que formaba parte da Vía Nova.
Se tes interese na Historia non debes perder a visita á Ponte Bibei, pois estarás diante dunha obra de enxeñería con máis de dous mil anos de antigüidade que conserva case intacta a súa estrutura orixinal. Coma os tallamares romanos ou os perpiaños sen xuntas nin cuñas que chegaron ata hoxe.
Pese a súa lonxevidade, non penses que se trata dunha peza de museo, pois a Ponte Bibei segue a prestar servizo na estrada OU-636 que conecta Larouco coa Pobra de Trives e é cruzada a diario por miles de vehículos, moitos deles de alta tonelaxe.
A Ponte Bibei é unha ponte de tres arcos que destaca pola simplicidade das súas liñas e uns pilares perfectamente perpendiculares á calzada. Mide 75 metros de longo e 6,5 de ancho. No seu punto máis alto, á altura do arco central ten 22,5 metros dende o leito do río.
Con más de dous mil anos de historia A Bibei non é soamente unha grande obra pública romana, senón tamén un símbolo da permanencia do noso patrimonio común, do que poderás sentir orgullo e que paga a pena que coñezas.
Ficha técnica
Data de construción | 114 d.C. – 119 d.C. |
Lonxitude | 75 metros |
Anchura | 6,5 metros |
Altura | 22,5 metros (no arco central) |
Concello | Pobra de Trives (Ourense) |
Acceso | Pola OU-636 dende Trives ou dende Freixido |
Nivel de protección | Ben de interese cultural |
Coordenadas | 42º 20' 0.1" N - 7º 12' 51.0" O |