Seminario de As Ermitas
Ademais da súa actividade relixiosa habitual, a partires dos primeiros anos do s. XIX, en parte como consecuencia das dificultades económicas provocadas polos procesos desamortizadores, o Santuario de As Ermitas desenvolve unha intensa labor como centro de ensino.
As orixes de As Ermitas como institución de ensinanza
O comezo desta actividade docente atopámolo na existencia dun Tribunal Sinodal, que se encargaba de examinar ós presbíteros dos catro arciprestazgos galegos baixo a dependencia da Diócese de Astorga: Valdeorras, Trives, A Veiga e Robleda.
É a partires do ano 1846 cando se establece con carácter permanente no Santuario de As Ermitas unha Escola de Primeiras Letras, na que os rapaces da zona adquirían os coñecementos elementais. Aprendían a ler e escribir e as catro regras aritméticas básicas.
Esta escola, que era de balde para os nenos pobres da parroquia, funcionaba durante todo o ano, agás nas vacacións coincidentes sobre todo coas festividades relixiosas.
A Preceptoría no Santuario das Ermitas
Esa primeira labor formativa toma un novo impulso dende o ano 1863, cando se establece no Santuario de As Ermitas unha Preceptoría. Nesta institución filial do Seminario de Astorga, impartíanse os primeiros cursos da carreira sacerdotal, coa fin de facilita-la vocación daqueles que non se podían desprazar ata alí.
O Seminario de Astorga enviaba unha comisión para examinar ós alumnos da Preceptoría de As Ermitas, que ademais seguía o mesmo plan de estudios e os mesmos horarios de aquel.
A partires de 1941, sendo Administrador do Santuario Felipe Álvarez, créase un internado nas propias dependencias do Santuario. Ata ese momento os alumnos da Preceptoría aloxábanse en casas de veciños de As Ermitas.
Por vivir no Santuario, os alumnos abonaban unha renda mensual, que en vez de en cartos, pagábase en produtos do campo, como fabas, touciño, fariña ou patacas.
O Seminario Menor de As Ermitas
En 1944 esta Preceptoría en réxime de internado adquire a categoría de Seminario Menor Diocesano, nomeándose a Felipe Álvarez o seu primeiro Reitor.
No Seminario Menor de As Ermitas formábase a rapaces que xa cumpriran os once anos e superaran unha proba de acceso. Impartíanse os catro primeiros cursos de Latín e Humanidades e despois, os alumnos que quixeran seguir cos estudios para se ordenaren sacerdotes, continuaban no Seminario de Astorga.
Segundo contan os que ocuparon estas aulas, a estadía no Seminario das Ermitas rexíase por unha disciplina espartana e por unha alta esixencia académica. As notas expresábanse do seguinte xeito. Sobre 10 puntos, un 6 equivalía á cualificación de meritus, 7 a benemeritus, 8 a valdemeritus, 9 a meritissimus e 10 a meritissimus cum laudem. As notas por debaixo de 6 constituían un suspenso ou reprobatus.
O Seminario Menor de As Ermitas pechou tralo ano académico 1963-64, pero xa durante os tres últimos cursos reducira a súa oferta formativa, trala apertura do Seminario Menor de La Bañeza.
Un menor número de matriculacións por mor do descenso de vocacións sacerdotais, unido á escaseza de medios, anticiparon o peche desta encomiable institución.
O certo é que, con moi escasos recursos económicos, pero con grandísimo esforzo e dedicación, aqueles que fixeron posible a existencia do Seminario de As Ermitas, contribuíron dun xeito decisivo á formación de miles de rapaces de toda a comarca, moitos dos cales probablemente no terían atopado outra oportunidade para iniciaren os seus estudos.