O Calvario ou Via Crucis das Ermitas
O Calvario ou Via Crucis é unha das señas de identidade do Santuario de As Ermitas. Unha obra excepcional na que o barroco anónimo do pobo acadou as máis altas cotas de perfección estética.
A calidade das súas tallas sitúano ó mesmo nivel dos mellores do mundo: Milán e Braga. Trátase dunha obra de arte única que debes coñecer.
O camiño do Calvario
O Calvario ten 15 estacións que se corresponden con outros tantos episodios da Paixón de Cristo. As catro primeiras pódelas atopar no Adro da Igrexa e o resto, no coñecido como Camiño do Deserto, que leva ata a Resurrección, na parte alta de As Ermitas.
As estacións do Via Crucis están en pequenas capelas de pedra, abovedadas, que conteñen as 62 figuras de madeira maciza, policromadas e a tamaño natural, coas que se representa o Calvario de Cristo.
Durante máis dun século, a quinta estación ficou baleira, pois foi arrasada polo Desprendemento de 1909 e as tallas barrocas do interior non se puideron recuperar xamais.
No ano 2023, colocáronse tres imaxes apócrifas, falseando as tallas orixináis de Xesús, o Cirineo e un soldado romano. Aínda que a diferenza coas auténticas é máis que evidente, cando visite-lo Vía Crucis, fíxate ben e non te enganes.
A procesión do Calvario no Venres Santo
Na mañá do Venres de Pascua unha procesión recorre o Calvario, parando a rezar fronte a cada unha das 15 estacións da Paixón.
Un nazareno leva a cruz nas costas, revivindo o camiño de Xesús cara o Gólgota, e van en procesión as Imaxes da Virxe Dolorosa, Santa Verónica, San Xoan e un paso do Prendemento de Cristo.
Á tarde, un orador deleita ós fieis co Sermón das Sete Palabras no Adro do Santuario, para despois dar paso ó Desencravo e descendemento de Xesús.
A construción do Via Crucis das Ermitas
O Via Crucis das Ermitas constrúese a partires de 1731, despois dunha viaxe a Braga de Domingo Xosé Rodríguez Blanco, naquel tempo o Administrador do Santuario, que queda abraiado co Calvario do Bom Xesús do Monte e decide acometer a súa propia versión nas Ermitas.
Sen embargo, o proxecto de Rodríguez Blanco era certamente máis ambicioso que o que finalmente se executou, pois pensaba remata-lo Via Crucis cun grande templo de planta circular e dimensións similares ás da Igrexa do Santuario, pero dedicado á Resurrección de Cristo e situado no punto máis alto do Calvario.
Lamentablemente, o xenial Administrador de Mormentelos, o home que transformou o Santuario das Ermitas, non chegou a ver rematada a súa obra máis emblemática, pois a crise económica que afecta á institución durante os últimos tempos do seu mandato, dilatou as obras por máis de vinte anos.