Administradores ilustres
Domingo Xosé Rodríguez Blanco (1711-1747)
O Administrador que transformou As Ermitas. Nado en Mormentelos, unha aldea próxima ó Santuario, estudiou Gramática e Arte na Universidade de Alcalá de Henares, para despois ordenarse sacerdote no Colexio Maior de San Ildefonso.
Foi nomeado Administrador do Santuario en 1711 e dende o inicio da súa labor, este home culto, tenaz e brillante, proponse transformar por completo o Santuario das Ermitas ata convertelo nun centro relixioso de referencia en todo o noroeste peninsular.
Durante a súa Administración, constrúense as dúas naves laterais da Igrexa, remátase a fachada coas dúas torres e a marabillosa rúa central, complétase a Casa Rectoral, amplíase o Adro e iníciase a construción do Calvario, a súa obra máis emblemática. Cando Domingo Xosé Rodríguez Blanco falece en 1747, o Santuario das Ermitas era practicamente como o coñecemos hoxe.
Antonio Tato Fidalgo (1891-1918)
Durante a súa extensa Administración, a súa labor céntrase na conservación do magnífico legado dos seus antecesores. Restaura as Imaxes do Via Crucis; coloca pedra en todo o piso de madeira da Igrexa, a excepción do presbiterio; substitúe o enreixado da entrada o Adro e reforma o interior da Casa de Administración.
Impulsa a construción, dende 1897, da estrada que vai dende Freixido, no concello de Larouco, ata As Ermitas e que máis tarde se prolongaría ata Viana do Bolo.
En 1909 ten que facer fronte á maior catástrofe coñecida polo Santuario, cando se produce o desprendemento de parte da montaña na que se asenta. Dende ese momento, tódolos fondos dispoñibles son destinados á reconstrución, o que paraliza para sempre a súa obra máis ambiciosa, unha capela no máis alto do Calvario.
Felipe Álvarez Álvarez (1928-1966)
Natural de Arcos, en Vilamartín de Valdeorras, entre 1944 e 1956 compaxina o seu cargo de Administrador do Santuario co de Reitor do Seminario Menor Diocesano das Ermitas.
Como Administrador do Santuario leva a cabo certas obras de adecentamento e de ampliación, a meirande parte delas coa fin de mellora-las instalacións para os estudantes. Tamén coloca o precioso altar de prata que podemos ver na Igrexa.
Pero é a súa magnífica labor no campo docente, como Reitor do Seminario das Ermitas e antes como responsable da Preceptoría, o que sitúa a Felipe Álvarez como unha das personalidades máis fascinantes de Valdeorras en todo o século XX.
Con medios moi escasos, pero con tenacidade, ilusión e un extraordinario amor polo ensino, o equipo de Felipe Álvarez fixo posible o acceso ó estudio, sen distinción algunha pola súa procedencia, de miles de rapaces de toda a comarca, ofrecéndolles unha oportunidade que para moitos deles non tería existido sen o Seminario.