A Igrexa das Ermitas
A fachada da Igrexa
No fermoso val das Ermitas, en Terras do Bolo, atoparás un dos monumentos máis espectaculares de todo o país. Na ladeira escarpada da montaña, entre penedos e cunha parte do templo escavada nun inmenso fragón, a Igrexa das Ermitas érguese maxestuosa nun marco incomparable.
A fachada da Igrexa das Ermitas é unha da obras cumio do barroco galego. Unha construción dunha estraordinaria riqueza compositiva, con dúas torres que enmarcan unha suntuosa rúa central de tres pisos, rematada por unha peineta coa imaxe da Virxe das Ermitas.
As torres representan un papel esencial na harmonía da fachada, cos seus cinco corpos cadrados decrecentes e unha fermosa balaustrada corrida de torre a torre, que da equilibrio ó conxunto e serve ademais como un privilexiado miradoiro sobre o Adro.
Pero é na rúa central onde vas poder apreciar unha maior dimensión narrativa. Dúas xigantescas columnas corintias sobre grandes pedestais sosteñen as volutas curvas do frontón. En planos de distinta profundidade e altura, varias columnas salomónicas completan o conxunto dándolle unha grandeza especial.
Neste marco grandioso, a Imaxe policromada da Virxe das Ermitas e o escudo mariano, tamén policromado, sobre unha cadea da que tiran o demo e un esquelete, simbolizan a victoria do ben sobre o mal.
A ámbolos lados do balcón central verás a San Pedro e San Pablo. O primeiro non conserva a man dereita, na que se cre que sostiña as chaves do Reino dos Ceos. Sobre eles, os pais da Virxe, Santa Ana e San Xaquín. Nos estremos superiores atoparás os Reis David e Salomón.
Corando esta fenomenal composición, vera-la peineta coa Imaxe da Virxe das Ermitas, entre dúas pequenas columnas salomónicas cuns anxelotes ó redor. Sobre ela, tamén en relevo, o Pai Eterno sostén a bola do Mundo. No alto, o Arcanxo San Miguel, señor dos riscos e defensor da Divinidade, domina a escea.
O interior da Igrexa
As portas de entrada á Igrexa son de madeira de concheira tallada e foron fabricadas a comezos do s. XVIII.
A Igrexa consta de tres naves, separadas por pilares e arcos de medio punto. Ten unha nave transversal que lle da a planta de cuz latina, cruceiro con cimborrio e lanterna, presbiterio, sancristía e camarín da Virxe.
Cara a metade da Igrexa atoparás un enreixado, que cumpría unha dobre función. Por un lado, protexe-los tesouros que alí se gardaban e por outro, separar a mulleres e homes durante os ritos eclesiásticos.
Na cuberta de madeira da nave central vas poder desfrutar de marabillosas pinturas dedicadas á Virxe acompañadas con diversas inscricións e algúns versos. Foron pintadas entre 1728 e 1730 polo xenial artista compostelán Francisco Couselo de Villar, baseándose no libro de Fray Nicolás de la Iglesia Flores de Miraflores.
No presbiterio destaca o magnífico altar de prata e o retablo de madeira con remate dourado. Pendurada da bóveda de pedra, unha aguia real voa sobre os presentes.
Orientación da Igrexa das Ermitas
Outro detalle no que fixarse é a orientación da Igrexa, que non segue os cánones da época, todavía vixentes durante o Barroco, e que marcaban que a cabeceira mirara cara ó nacente do Sol.
Nas Ermitas, polo terreo no que se asenta, construída contra os penedos da montaña, non había outra opción que a que se adoptou.
A cambio, á mañanciña é cando a impoñente fachada da Igrexa do Santuario de As Ermitas luce en todo o seu esplendor.