O Adro do Santuario das Ermitas
O Adro do Santuario das Ermitas é tanto un espazo sacro coma un espazo público. Aquí celébranse cerimonias relixiosas, con actos solemnes coma o Desencravo e outros máis festivos coma a Estoupa do Xudas, pero é tamén un lugar de esparexemento para os maiores e campo de xogos dos rapaces das Ermitas. Unha praza onde te poderás relaxar e desfrutar dun conxunto monumental único.
Que ver no Adro do Santuario das Ermitas
Poderás acceder ó Adro polas portas do enreixado fronte á fachada principal da Igrexa. Catro leóns de pedra sobre pirámides franquean as portas de entrada.
Á man dereita, vera-la Casa de Administración, lugar de residencia do Administrador do Santuario e tamén do Bispo de Astorga cando visita As Ermitas.
No medio da praza verás un fermoso cruceiro de base cadrada, con cinco chanzos sobre os que se ergue unha grande columna de pedra rematada por unha cruz. Dun lado está Xesús crucificado, do outro a Virxe, co seu fillo en brazos tralo Descendemento.
Nas catro esquinas do Adro atoparás as catro primeiras estacións coas marabillosas Imaxes do Vía Crucis barroco das Ermitas.
No chan, composicións feitas con cantazos de diversas cores forman mosaicos representando figuras moi variadas, coma palmeiras, peixes ou a flor de lis.
A construción do Adro das Ermitas
O Adro construíuse en varias fases. Tal como o coñecemos, data de 1723, cando o Administrador Domingo Xosé Rodríguez Blanco amplía o pequeno Adro orixinal erguendo un grande muro de contención, sobre o que coloca unha galería con sete fiestras en arco mirando ó Bibei, que hoxe están tapiadas.
Este cuberto serve de abeiro cando chove ós que agardan charlando o remate da misa nos días de festa ou cerimonia. Como serviu en tempos ós tendeiros que alí se instalaban a vende-los seus produtos.
Cando veñas ás Ermitas non marches sen dar un paseo polo Adro. Explora os seus recunchos e aproveita para sacar unhas fotos, desfrutar das vistas ou simplemente relaxarte mentres contempla-lo Santuario.