Souto de Rozavales

O Souto de Rozavales

Se che gusta a natureza e queres descubrir unha paisaxe espectacular, no Souto de Rozavales, en Manzaneda, vas atopar algunhas das árbores senlleiras máis fermosas de Galicia.

Os castiñeiros son parte inseparable da paisaxe das montañas do oriente ourensán, pero é ó pe da aldea de Rozavales onde un conxunto de árbores milenarias semella que detiveron o paso do tempo.

De entre todas elas, sobresae o Castiñeiro de Pumbariños, unha inmensa árbore de máis de doce metros de perímetro, que para seren rodeada precisa de alomenos dez persoas. Con máis de mil anos de idade, segue a dar castañas cada outono.

Souto de Rozavales

O Castiñeiro de Pumbariños, cunha copa duns vinte metros de diámetro é seguramente o que máis te vai impresionar, pero no Souto de Rozavales vas ver un conxunto de árbores que na súa meirande parte están aquí dende hai máis de cincocentos anos.

Máis aló da importancia da castaña e da madeira dos castiñeiros na economía desta zona, estas árbores representan auténticas obras de arte e forman arredor de si un ecosistema único de fauna e flora que paga a pena desfrutar.

Non esquezas que o castiñeiro é unha árbore caducifolia e que a paisaxe varía nas diferentes estacións do ano. Cada unha delas ofrecerache unha experiencia diferente, pero se o que queres é ve-lo Souto de Rozavales en todo o seu esplendor, recomendámosche que o visites na primavera ou no verán.

Ficha técnica

Concello Manzaneda
Acceso Estrada OU-0702 dende Manzaneda ou dende Trives
Coordenadas 42º 18' 35" N - 7º 14' 43" O
Superficie 1,80 Ha